domingo, 29 de enero de 2017

EL PERRO QUE ME CAMBIÓ LA VIDA, DE JOHN DOLAN

O seguinte libro que imos ler no noso club é El perro que me cambió la vida, de John Dolan. O protagonista, John, sobrevive nas rúas de Londres. Pero cando George, un can, se cruza no seu camiño todo vai cambiar. Agora vai ter un motivo para vivir e vai volver a debuxar. E todo grazas a George, que cambia  a súa vida. John xa non é un simple mendigo na rúa, a xente acércase a el e compra os seus debuxos. 
A historia está baseada en feitos reais e parece todo un exemplo de superación persoal. 





COMENTAMOS "O CORAZÓN DE XÚPITER", DE LEDICIA COSTAS

Unha novela como O corazón de Xúpiter non pode deixar indiferente a ninguén, xa que trata temas de actualidade dun xeito moi realista.

Esta obra presenta a vida dos adolescentes hoxe en día, como se relacionan entre si, a amizade, as relacións amorosas, a homosexualidade vista con toda naturalidade, o consumo de drogas, os problemas de entendemento cos pais...

Os casos de acoso escolar son moi comúns. Vemos a reacción da acosada, da súa familia e do propio centro educativo ante esta situación. Tamén coñecemos a dura vida do acosador, sen que en ningún momento isto apareza como escusa para a súa conduta. 

E, por suposto, está o tema do mal uso que se lle pode dar a Internet. O perigo das redes sociais queda claro nesta novela. Unha adolescente usa unha rede social para escapar da súa propia vida a unha realidade paralela, onde atopa a un "rapaz" interesado pola astronomía, a súa paixón. E na falsa foto que lle envía resulta que é moi guapo. Canta importancia lle dámos hoxe en día á aparencia física! 

Tamén se poden empregar as redes sociais dun xeito adecuado. Cando Mar e a súa amiga empezan a súa relación amorosa, poden continuar xuntas grazas a Internet. Si, neste caso elas coñécense en persoa, namóranse e xa que viven en lugares diferentes, Internet vai permitir que sigan xuntas. Non cabe a posibilidade de engano, como pasa con Isla e "Xúpiter". A  prudencia é moi importante para non ser enganado; Isla xa fora imprudente cando se deixara fotografar espida polo seu mozo.

E isto lévanos ao final da novela, un tema que deu moito que falar na nosa reunión. A algúns dos nosos lectores non lles gustou. É difícil que un final así nos guste. Deixa mal sabor de boca. Quen non vai desexar que Carballo, xunto con Mar, se transforme en heroe! Sería de película. Pero a vida non é unha película, e este final tan triste é moito máis efectista. 

O corazón de Xúpiter é unha lectura moi axeitada para adolescentes, pero tamén para adultos. Podemos aprender todos moito.