miércoles, 25 de octubre de 2017

PRIMEIRA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA

  O día 19 de outubro reunímonos o clube de lectura "Mendebiblos", para dar a benvida aos novos compoñentes do mesmo. Tras completar unha ficha, onde explicaron a súa motivación para pertencer a este clube así como as súas  preferencias lectoras, decidimos o libro que imos ler este trimestre. A  obra elexida é: "As hora roubadas" de María Solar.






miércoles, 21 de junio de 2017

X XORNADAS DOS CLUBS DE LECTURA

O sábado 17 de xuño celebrouse a X Xornada dos Clubs de Lectura, co lema “Somérxete”,  no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Compostela. Esta foi unha data especial pois ademais das coordinadoras dos clubs asistiu como invitado o alumnado e o profesorado dos mesmos. A Xornada, desde o noso punto de vista, foi un éxito, en primeiro lugar pola elección das persoas convidadas para impartir os obradoiros e as charlas, todas elas moi coñecidas e admiradas polo alumnado: Miguelanxo Prado, Óscar López, Ledicia Costas, Carlos Negro, María Reimóndez, Rosa Aneiros... e, en segundo lugar, pola organización e o xantar que permitiu un intercambio de ideas entre o alumnado, profesorado e coordinadoras dos clubs.
         
          A Xornada foi clausurada polo gran escritor de literatura xuvenil e xornalista César Mallorquí, que despois da súa intervención charlou co noso alumnado e asinoulles un dos seus libros.








jueves, 8 de junio de 2017

LEDICIA COSTAS VISITA O NOSO CENTRO


O día 9 de maio tivemos o pracer de recibir no noso centro á escritora Ledicia Costas, que nos agasallou cunha fermosa charla. Unha das lecturas do club este curso foi O corazón de Xúpiter, e moitos alumnos/as do centro tamén leran Escarlatina, a cociñeira defunta. O encontro rematou coa de exemplares desta obra.













































































domingo, 21 de mayo de 2017

COMENTAMOS EL NIÑO EN LA CIMA DE LA MONTAÑA

En El niño en la cima de la montaña John Boyne volve a escribir sobre un dos seus temas favoritos e recurrentes ao longo da súa carreira como escritor: o nazismo. Xa leramos outra obra súa sobre o mesmo tópico. Resultaba, entón, imposible non facer comparacións. Todos estivemos de acordo en que a historia relatada en El niño en la cima de la montaña é moito máis terrible e descarnada que a proposta en El niño del pijama de rayas. 

A transformación de Pierrot en Pieter ao longo da novela dá medo aínda que en parte poidamos entendela ou en certa maneira "xustificala". Cando Pierrot chegou a esa casa na cima da montaña era só un neno desvalido que non tiña nada na vida. De ser un ninguén pasa a conseguir poder. Xa sabemos que do mesmo xeito que se deixa influenciar por Hitler, tamén podía aprender do bo exemplo da súa tía. Pero Beatrix, esa tía que o recolle e se ocupa del, era tan descoñecida para o rapaz coma o mesmo Hitler. Ao final da historia, Pieter dáse conta dos seus erros. Claro que el está no bando dos perdedores. E se o resultado da guerra tivera sido outro?

No fondo Pieter é un símbolo de millóns de alemáns que apoiaron a un tolo. Non hai que esquecer que Hitler chegou ao poder democraticamente. Alemaña vivía sumida nunha época de crise, despois de perder a primeira guerra mundial. Son circunstancias propicias para que os nacionalismos triunfen. Que pode facer un pobo cando cae nas mans dun desequilibrado? Pode poñerse da súa parte gozando do poder ou loitar contra el. Beatrix, o chofer e a cociñeira da casa entran dentro desta última categoría e págano coas súas vidas. Despois está toda aquela xente que ten medo desa persoa. Só hai que acordarse do pavor que no pobo daba o propio Hitler ou calquera que traballara directamente para el. Herta, a criada que se vai da casa ao final da historia, expresa unha idea moi importante na súa despedida de Pieter. Todos foron responsables do que pasou, porque sabían a verdade e non fixeron nada. 

Se todas as persoas que nos gobernan ao longo da historia tiveran en mente o ben común, situacións que levan a que xente como Hitler chegue ao poder non se producirían. Todo sistema fracasa se a obtención do ben común se perde de vista. Aos cidadáns só nos queda o papel de vixiar para que isto non pase. Vendo como vai o mundo na actualidade, a tarefa parece ser ben difícil. 





lunes, 13 de marzo de 2017

EL NIÑO EN LA CIMA DE LA MONTAÑA, DE JOHN BOYNE

Xa eliximos unha nova lectura no noso club. Trátase de El niño en la cima de la montaña, de John Boyne. Unha vez máis este escritor relata as consecuencias que o nazismo vai ter na vida dun neno e da xente que o rodea.

De pai alemán e nai francesa, Pierrot viviu toda a súa curta vida en Francia. Pero ao quedar orfo deberá abandonar o seu país e irá a vivir coa súa tía Beatrix. Ela traballa de ama de chaves nunha mansión importante que se ergue no cumio dos Alpes de Baviera. O dono desa casa no é outro que Adolf Hitler. Nada sabía Pierrot dos nazis ata chegar alí. A súa vida vai cambiar moito. 

Xa estamos listos para vivir moitas emocións con esta nova lectura. 





Reunión para comentar EL PERRO QUE ME CAMBIÓ LA VIDA

O día 7 de marzo fixemos a reunión para comentar a obra de John Dolan, El perro que me cambió la vida. Esta é unha novela autobiográfica. O propio John nos conta a súa historia.

Non cabe dúbida de que a aparición do can  George cambia a vida de John completamente. Por primeira vez ten que facerse responsable de alguén, educalo, alimentalo... Ata que George aparece na súa vida parece que John nunca actuou con responsabilidade. Levou unha vida de soidade, delicuencia e drogadicción, ata acabar na rúa e no cárcere moitas veces. De feito, cando John nos conta a súa vida coa súa familia parece que se escuda nos defectos desta para non facerse responsable dos seus propios fracasos. Pero o protagonista tamén amosa unha grande xenerosidade cando acolle a unha parella de indixentes no seu pequeno cuarto dunha pensión. E cando a parella marcha, George queda con John porque así o acepta el. 

Hai fases da vida de John que non parecen moi realistas. Por exemplo, resulta difícil crer que alguén enganchado á heroína sexa capaz de deixala ou, polo menos, de controlar esa adicción con tanta facilidade. É ben certo que a forza de vontade pódeo todo, especialmente cando un ten un obxectivo. Aquí triunfa sobre todas as cousas o desexo de John de non defraudar ao crítico de arte e a George mesmo.

Pódese dicir que ao cambiar de actitude, John consegue saír da indixencia na que vivía. Pero tamén hai que destacar que el ten unha habilidade impresionante para debuxar. A isto hai que engadir a sorte de que se cruce na súa vida un crítico de arte disposto a crer nel. 

É esta unha boa historia de superación persoal, desas que gustan polo seu final feliz. Non sería raro que acabara nas pantallas de cine ao máis puro estilo americano, aínda que a acción pase nas rúas de Londres.







domingo, 29 de enero de 2017

EL PERRO QUE ME CAMBIÓ LA VIDA, DE JOHN DOLAN

O seguinte libro que imos ler no noso club é El perro que me cambió la vida, de John Dolan. O protagonista, John, sobrevive nas rúas de Londres. Pero cando George, un can, se cruza no seu camiño todo vai cambiar. Agora vai ter un motivo para vivir e vai volver a debuxar. E todo grazas a George, que cambia  a súa vida. John xa non é un simple mendigo na rúa, a xente acércase a el e compra os seus debuxos. 
A historia está baseada en feitos reais e parece todo un exemplo de superación persoal. 





COMENTAMOS "O CORAZÓN DE XÚPITER", DE LEDICIA COSTAS

Unha novela como O corazón de Xúpiter non pode deixar indiferente a ninguén, xa que trata temas de actualidade dun xeito moi realista.

Esta obra presenta a vida dos adolescentes hoxe en día, como se relacionan entre si, a amizade, as relacións amorosas, a homosexualidade vista con toda naturalidade, o consumo de drogas, os problemas de entendemento cos pais...

Os casos de acoso escolar son moi comúns. Vemos a reacción da acosada, da súa familia e do propio centro educativo ante esta situación. Tamén coñecemos a dura vida do acosador, sen que en ningún momento isto apareza como escusa para a súa conduta. 

E, por suposto, está o tema do mal uso que se lle pode dar a Internet. O perigo das redes sociais queda claro nesta novela. Unha adolescente usa unha rede social para escapar da súa propia vida a unha realidade paralela, onde atopa a un "rapaz" interesado pola astronomía, a súa paixón. E na falsa foto que lle envía resulta que é moi guapo. Canta importancia lle dámos hoxe en día á aparencia física! 

Tamén se poden empregar as redes sociais dun xeito adecuado. Cando Mar e a súa amiga empezan a súa relación amorosa, poden continuar xuntas grazas a Internet. Si, neste caso elas coñécense en persoa, namóranse e xa que viven en lugares diferentes, Internet vai permitir que sigan xuntas. Non cabe a posibilidade de engano, como pasa con Isla e "Xúpiter". A  prudencia é moi importante para non ser enganado; Isla xa fora imprudente cando se deixara fotografar espida polo seu mozo.

E isto lévanos ao final da novela, un tema que deu moito que falar na nosa reunión. A algúns dos nosos lectores non lles gustou. É difícil que un final así nos guste. Deixa mal sabor de boca. Quen non vai desexar que Carballo, xunto con Mar, se transforme en heroe! Sería de película. Pero a vida non é unha película, e este final tan triste é moito máis efectista. 

O corazón de Xúpiter é unha lectura moi axeitada para adolescentes, pero tamén para adultos. Podemos aprender todos moito.