Buscar este blog

jueves, 8 de diciembre de 2016

O CORAZÓN DE XÚPITER, DE LEDICIA COSTAS

Xa estamos a ler unha nova obra. A nosa elección foi O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Esta é a segunda novela que escribiu esta escritora. A protagonista é Isla, unha adolescente que empeza unha nova vida nunha cidade e nun instituto diferente. E na súa vida aparecerá Xúpiter, con quen comparte a súa paixón pola astronomía. A través das súas vivencias veremos os problemas que hoxe en día teñen que enfrontar os adolescentes. Sen dúbida, unha historia ben interesante e de actualidade.  



COMENTAMOS LOS BESOS EN EL PAN

O día 29 de novembro fixemos a reunión para comentar Los besos en el pan, de Almudena Grandes. 

A obra relata a vida de moitas persoas durante un ano, nun barrio que podería ser calquera dos que nós mesmos coñecemos. É un libro de ficción pero que retrata unha realidade moi dura, a provocada pola crise económica actual: a fame infantil vista na escola, o desmantelamento da sanidade pública, as estafas bancarias, a burbulla inmobiliaria, as mafias chinas... Todos vemos como as persoas reaccionan ante problemas tan serios. Mais o libro tamén está cheo de esperanza, porque a xente se solidariza con quen o necesita. Na obra algunhas veces esa solidariedade parece un pouco esaxerada, pero que ben senta vela en acción.

O feito de que haxa tal cantidade de personaxes e de que sexan tantas as historias enlazadas entre si fai que nalgunhas ocasións sexa difícil seguir o argumento. O punto positivo da presenza de tantos personaxes é que todos teñen a mesma importancia na historia. Tamén chama a atención a mestura de xeracións, que colaboran entre si para saír adiante. 

Sen dúbida, é esta unha obra próxima, que reflicte moi ben a realidade. Nun momento da historia un dos personaxes, non importa quen, fai unha reflexión interesante: "Hay que ser muy valiente para pedir ayuda, ¿sabes? Pero hay que ser todavía más valiente para aceptarla". Unha lectora do noso club engadiu un importante apunte a esta idea: tamén se necesita humildade para pedir esa axuda. 

Trátase dunha lectura conmovedora, anema e optimista. Nunca vén mal unha dose de optimismo para afrontar o día a día.