Buscar este blog

jueves, 8 de diciembre de 2016

O CORAZÓN DE XÚPITER, DE LEDICIA COSTAS

Xa estamos a ler unha nova obra. A nosa elección foi O corazón de Xúpiter, de Ledicia Costas. Esta é a segunda novela que escribiu esta escritora. A protagonista é Isla, unha adolescente que empeza unha nova vida nunha cidade e nun instituto diferente. E na súa vida aparecerá Xúpiter, con quen comparte a súa paixón pola astronomía. A través das súas vivencias veremos os problemas que hoxe en día teñen que enfrontar os adolescentes. Sen dúbida, unha historia ben interesante e de actualidade.  



COMENTAMOS LOS BESOS EN EL PAN

O día 29 de novembro fixemos a reunión para comentar Los besos en el pan, de Almudena Grandes. 

A obra relata a vida de moitas persoas durante un ano, nun barrio que podería ser calquera dos que nós mesmos coñecemos. É un libro de ficción pero que retrata unha realidade moi dura, a provocada pola crise económica actual: a fame infantil vista na escola, o desmantelamento da sanidade pública, as estafas bancarias, a burbulla inmobiliaria, as mafias chinas... Todos vemos como as persoas reaccionan ante problemas tan serios. Mais o libro tamén está cheo de esperanza, porque a xente se solidariza con quen o necesita. Na obra algunhas veces esa solidariedade parece un pouco esaxerada, pero que ben senta vela en acción.

O feito de que haxa tal cantidade de personaxes e de que sexan tantas as historias enlazadas entre si fai que nalgunhas ocasións sexa difícil seguir o argumento. O punto positivo da presenza de tantos personaxes é que todos teñen a mesma importancia na historia. Tamén chama a atención a mestura de xeracións, que colaboran entre si para saír adiante. 

Sen dúbida, é esta unha obra próxima, que reflicte moi ben a realidade. Nun momento da historia un dos personaxes, non importa quen, fai unha reflexión interesante: "Hay que ser muy valiente para pedir ayuda, ¿sabes? Pero hay que ser todavía más valiente para aceptarla". Unha lectora do noso club engadiu un importante apunte a esta idea: tamén se necesita humildade para pedir esa axuda. 

Trátase dunha lectura conmovedora, anema e optimista. Nunca vén mal unha dose de optimismo para afrontar o día a día. 







sábado, 15 de octubre de 2016

LOS BESOS EN EL PAN, DE ALMUDENA GRANDES

A nosa primeira lectura este curso vai ser Los besos en el pan, de Almudena Grandes. 

Nesta novela a escritora fala de como a xente corrente sobrevive aos tempos difíciles que agora estamos a vivir. Seguro que moitos de nós coñecemos a alguén pasando por circunstancias parecidas ou mesmo temos experimentado situacións similares. E esa imaxe de bicar o pan pode que aos nosos alumnos lectores do club lles quede un pouco lonxe, pero houbo unha época en que iso foi importante.

Todos aprenderemos moito desta obra. 





O CLUB PONSE EN MARCHA NO CURSO 2016-17

Comeza un novo curso e xa está a funcionar o noso club de lectura. Despois dun mes de setembro dándonos a coñecer aos novos membros da nosa comunidade educativa e animando a todo o mundo a participar, fixemos a primeira reunión o día 11 de outubro.

Esta reunión serviu para dar a coñecer aos novos integrantes do club, cubrir a ficha de inscrición no mesmo, explicar as normas de funcionamento e decidir cal ía ser a nosa primeira lectura entre o material do que dispoñemos na biblioteca.


Así pois, un ano máis empezamos a gozar da lectura, un pracer que compartido aínda enriquece máis. 












jueves, 16 de junio de 2016

IX XORNADA DOS CLUBS DE LECTURA

O venres 10 de xuño tiveron lugar en Santiago os encontros anuais dos Clubs de Lectura aos que asisten os coordinadores dos mesmos. A finalidade destas xornadas é formarse e enriquecerse coñecendo de primeira man o que fan outros clubs de lectura.

Trala inauguración das Xornadas tivo lugar a entrega do Premio Nacional dos Clubs de Lectura 2016 a Ledicia Costas, a autora galega máis lida polos clubs de lectura no pasado curso 2014/15. A continuación Manuel Bragado Rodríguez, director xeral de Edicións Xerais de Galicia, falou da situación do libro en galego.

Este ano a temática das Xornadas xirou en torno á poesía e os roteiros literarios. Puidemos coñecer tres roteiros moi interesantes que nos levaron por terras de Celanova, Rianxo e Portugal.

O punto final das Xornadas pola mañá púxoo o xornalista Fran P. Lorenzo, que falou de como se artella un roteiro urbano a partir dos espazos sobre os que se constrúe a súa novela Cabalos e lobos.

Pola tarde tiveron lugar obradoiros de poesía nas distintas salas do Palacio de Congresos e, por último, Darío Xoán Caban cerrou as Xornadas falando do significado de Manuel María na construción da literatura galega.




lunes, 30 de mayo de 2016

REUNIÓN PARA COMENTAR MI HERMANA VIVE SOBRE LA REPISA DE LA CHIMENEA

Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea conta una historia conmovedora que non pode deixar indiferente a ninguén. Unha familia acaba totalmente esnaquizada por un atentado terrorista, que ten como consecuencia a morte dun dos seus membros. Como pode superar unha persoa un golpe tan duro?

O máis impresionante é que resulta que a historia cóntanola Jamie, un neno de 10 anos. A elección do narrador é un acerto por parte da autora. El vai a contar como cada membro da súa familia sobrevive á traxedia da morte da súa irmá: unha nai que os abandona; un pai que se refuxia na bebida; unha irma que se rebela contra todos pero que ao final acaba sendo coma unha nai para Jamie; o propio Jamie, incapaz de chorar pola morte dunha irmá que case non lembra. E que dicir da nova amiga de Jamie na escola, Sunya; cantas voltas dá o pobre rapaz para que o seu pai non se entere de que é musulmana. 

A verdade é que este libro gustounos moito no noso club. Aínda que a historia resulta dura, Jamie nunca perde a esperanza e o bo humor. Hai moitas ensinanzas que sacar deste libro. É unha boa lectura para todo tipo de públicos. 




ROTEIRO LITERARIO A ESMORGA

Os alumnos do club de lectura do noso centro pasaron un fermoso día facendo o roteiro literario de A Esmorga. Aquí vos deixamos algunhas fotos.







miércoles, 6 de abril de 2016

NOVA LECTURA: MI HERMANA VIVE SOBRE LA REPISA DE LA CHIMENEA

Decidimos xa o novo libro que imos ler. Trátase de Mi hermana vive sobre la repisa de la chimenea, de Annabel Pitcher.

Nesta obra Annabel Pitcher narra na voz de Jamie, un neno de 10 anos, a historia dunha traxedia que estraga a vida dunha familia despois dun atentado terrorista islámico en Londres. Imos ver como cada un dos membros desa familia trata de recompoñer a súa vida. 

Unha nova lectura para o último trimestre deste curso. 




REUNIÓN PARA COMENTAR PROMESAS DE ARENA

Coa chegada do terceiro trimestre fixemos a reunión do club para comentar a lectura de Promesas de arena, de Laura Garzón.

Todos  estivemos de acordo en que a novela é moi fácil de ler e moi atractiva para todo tipo de público: unha historia de amor entre dúas persoas de distintas culturas. O contexto no que ese amor se produce resulta desgraciadamente moi actual: un campo de refuxiados palestinos na Franxa de Gaza. 

Sen grandes pretensións, e se cadra isto é o mellor,  a autora métenos de cheo nesa situación tan difícil. Vemos a chegada de cooperantes, como Lucía, as súas reaccións e os diversos papeis que asumen. Hai persoas que se adaptan e tamén as hai que non resisten. Unha pregunta que nos fixemos foi a de se realmente un cooperante cando vai colaborar nunha ONG a este tipo de lugares recibe unha formación axeitada antes de ir. No libro para que non. E isto chamounos a atención. Claro que, ben pensado, vindo deste marabilloso "primeiro" mundo, non parece que haxa unha maneira de preparar a ninguén para esas miserias que vemos só de lonxe.

Un aspecto criticable do libro é o previsible que resulta como se vai desenvolvendo a trama. Parece que todos nos damos conta do que vai pasar, agás a protagonista. Tamén se bota de menos a falta de profundización nos temas máis importantes (os refuxiados, o choque de culturas, os intereses políticos  na zona...). Pero, ao mesmo tempo, agradécese que a obra nos introduza en situacións tan complexas dun xeito tan levadeiro. Este libro pode ser, sen ningunha dúbida, un primeiro paso para seguir lendo sobre este tipo de temas. 






lunes, 22 de febrero de 2016

XA TEMOS UNHA NOVA LECTURA

O novo libro que imos a ler no club é PROMESAS DE AMOR, de Laura Garzón. Cambiamos de rexistro e meterémonos de cheo no contexto dun campo de refuxiados palestinos situado na Franxa de Gaza. 

Ata alí viaxa Lucía para traballar como cooperante dunha ONG. E alí vai coñecer as condicións reais nas que viven os refuxiados, as loitas político-relixiosas nesa zona, o altruismo de moitos dos cooperantes, xunto con persoas carentes de humanidade. Pero tamén vivirá unha historia de amor.

Xa vedes que son elementos moi diversos os que aparecen nesta novela. Esperamos gozar moito da súa lectura.  



sábado, 30 de enero de 2016

COMENTAMOS POETÍZATE

O día 27 de xaneiro reunímonos para comentar Poetízate, a primeira incursión do noso club na poesía. A experiencia foi excelente. A obra cumpriu co seu obxectivo principal: Achegar a poesía aos lectores.

Sendo Poetízate unha antoloxía da poesía galega, as reaccións á obra foron moi diversas. A selección de Fran Alonso é moi completa e variada. Foron moitos os poemas que os lectores recordaron: O caligrama de Manuel Antonio, a tristura fermosa de Rosalía, o palíndromo de Gonzalo Navaza, os Abecedarios baleiros de Yolanda Castaño, a poesía erótica galega descoñecida para a maioría...).

Pero o momento estelar da reunión foi cando dúas das nosas alumnas de 3ºESO nos marabillaron recitando Moraima, ese precioso poema de Celso Emilio Ferreiro. Tan sorprendente foi a súa recitación que non poidemos gravalas. Aínda así non o esqueceremos. Grazas ás dúas por esta experiencia.

Rosalía e Andrea recitando Moraima

Un momento da reunión