Buscar este blog

domingo, 1 de febrero de 2015

REUNIÓN PARA COMENTAR A BIBLIOTECARIA DE AUSCHWITZ

O día 27 de xaneiro celebrouse o setenta aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz. Quixemos aproveitar esta data para facer a posta en común de La Bibliotecaria de Auschwitz.

Unha obra que relata o horror vivido nun campo de concentración non pode deixar indiferente a ninguén. A primeira palabra que se mencionou na reunión é "tristura" pola situación na que vivían os internos de Auschwitz, por deixar que semellante xenocidio tivera lugar, e por permitir  que na actualidade se repitan episodios parecidos. 

O tema que trata esta novela xa está contado noutras moitas obras, pero cunha diferenza fundamental. A historia da escola creada por Fredy Hirsch dálle un enfoque distinto. Nese espanto de sitio podía un escapar da realidade grazas á biblioteca que Dita coidaba. É certo que o campo familiar só tiña como fin último ser o instrumento de propaganda nazi de cara á inspección da Cruz Vermella. Pero polo menos os membros dese campo tiñan durante unhas horas  a sensación de "vida normal", se se lle pode chamar así. 

Non hai que esquecer que esta obra está inspirada por Dita, personaxe real á que o autor entrevistou. Se emotiva é a historia da súa biblioteca, máis o é o epílogo onde o autor relata o seu encontro coa verdadeira Dita. Son moitos os personaxes reais que aparecen no libro. Algún deles, por exemplo o doutor Mengele, causan verdadeiro arrepío, especialmente cando un sabe que escapou do merecido castigo ao final da guerra.

La Bibliotecaria de Auschwitz non é unha obra fácil de ler, pola dureza da historia que relata. E aínda que son moitas as historias escritas sobre os campos de concentración nazis, está ben que se sigan a escribir. A historia é unha fonte de aprendizaxe, aínda que o ser humano é especialista en repetir os seus erros. 



Foto da nosa reunión


No hay comentarios:

Publicar un comentario