jueves, 17 de diciembre de 2015

IMOS LEER POESÍA: POETÍZATE, DE FRAN ALONSO

Por primeira vez no noso club imos a ler poesía, un xénero que non moitos lectores saben apreciar ás veces máis que nada por descoñecemento.

E que mellor maneira de mergullarse neste asombroso xénero literario que ler Poetízate, unha antoloxía da poesía galega compilada por Fran Alonso. O corpus desta obra percorre a poesía desde Rosalía de Castro ata a actualidade. 

Quen sabe. Pode que esta sexa a primeira de moitas obras poéticas a ler no club.





LECTURA DE NOCHE DE VIERNES

Chegou o momento de reunirnos para comentar Noche de viernes, de Jordi Sierra i Fabra. A lectura desta obra suscitou moitas opinións diferentes entre os membros do club.

Por unha parte, chama a atención que o autor use a técnica do flashback na narración, intercalando escenas do pasado no presente. Tamén utiliza dúas perspectivas distintas para contar a historia: primeira e terceira persoa. Estas dúas características foron valoradas positivamente polos lectores.

O relato abarca moitos temas sociais: as drogas, os skinheads... Incluso os cinco protagonistas parecen pertencer a distintos grupos sociais para así cubrir un espectro máis amplo da sociedade. Estas dúas características son positivas, pero algún membro do club manifestouse contrariado á inclusión de tantos temas e personaxes en tan poucas páxinas. 

En conxunto é un bo relato, moi actual. Pero pode que nun principio cree demasiadas expectativas, que ao final non se ven cubertas. Nalgúns momentos da historia parece que o autor intenta xustificar o que lles acontece ao final a estes cinco rapaces. En definitiva, Noche de viernes é un bo exemplo de literatura xuvenil, pero non a mellor obra dun autor tan prolífico neste tipo de narracións.

martes, 3 de noviembre de 2015

NOCHE DE VIERNES, DE JORDI SIERRA I FABRA

Chegou o día da nosa reunión o 22 de outubro. Despois das presentacións, pasamos  a cubrir a ficha de inscrición e decidimos cal ía ser a nosa primeira lectura. 

Comezaremos lendo Noche de viernes, de Jordi Sierra i Fabra. Será unha noite de venres onde a vida de cinco mozos que só buscan pasalo ben cambie dun xeito total. Son moitos os temas de actualidade que se tratan nesta obra. 

E agora a gozar da lectura!!!




O CLUB DE LECTURA ARRANCA DE NOVO...


Aquí estamos un curso máis poñendo en marcha o noso Club de Lectura. Durante o mes de setembro estivemos dando a coñecer o noso proxecto a tódolos membros da nosa comunidade educativa. Temos que dicir que levamos tantos anos contando con esta actividade, que xa somos ben coñecidos por todos. 

A primeira reunión do Club terá lugar no mes de outubro no período de lecer na biblioteca. Daremos a benvida aos membros do club que xa nos acompañaron en anos anteriores, coñeceremos aos novos participantes e decidiremos cal é a primeira lectura neste curso.




lunes, 18 de mayo de 2015

COMENTAMOS A LECCIÓN DE AUGUST

O día 7 de maio fixemos a reunión para comentar o libro A lección de August. A todos os membros do club nos pareceu unha obra marabillosa. É un deses libros que todos deberiamos ler, que tería que ser lectura obrigatoria no ensino. 

Dá toda unha lección de vida e de aprendizaxe, non importa que o lector sexa adulto ou adolescente. Sempre resulta difícil aceptar a unha persoa diferente e cada un de nós ten un xeito distinto de afrontar esas diferenzas. Así o vemos a través dos diversos narradores da historia. 

O precepto de August resume a lección do libro:

"Todo el mundo debería recibir una ovación del público puesto en pie al menos una vez en la vida, porque todos vencemos al mundo". 

Desde este blog a nosa ovación particular para a autora da obra, para todas aquelas persoas que pola razón que sexa son diferentes e aprenden cada día a vencer ao mundo, e para toda a xente que lles axuda nesa loita.




domingo, 1 de febrero de 2015

NOVA LECTURA DO CLUB: LA LECCIÓN DE AUGUST

O seguinte libro que imos ler no club de lectura é La lección de August, de R.J. Palacio.

August, un neno de dez anos, vai ver como a súa vida cambia este ano. Por primeira vez irá á escola, unha situación nova que non será fácil. Ata agora era a súa nai a que o educaba na casa, porque August leva vivindo en certa maneira aillado do mundo dende que naceu. A súa cara deforme faino diferente, cando el só quere ser igual. E a historia está contada desde o punto de vista de distintos narradores, desas persoas que no ambiente familiar ou escolar conviven con August tamén afectados dalgún xeito polo seu problema.

Toda unha lección de vida que compatiremos con August na lectura desta obra. 




AS PALABRAS DE DITA, UNHA SUPERVIVENTE

No seguinte vídeo Dita Kraus fala da súa experiencia como bibliotecaria de Auschwitz.



PERSONAXES REAIS DE LA BIBLIOTECARIA DE AUSCHWITZ

Aquí vos deixamos fotos dalgúns personaxes reais que aparecen en La bibliotecaria de Auschwitz.









REUNIÓN PARA COMENTAR A BIBLIOTECARIA DE AUSCHWITZ

O día 27 de xaneiro celebrouse o setenta aniversario da liberación do campo de concentración de Auschwitz. Quixemos aproveitar esta data para facer a posta en común de La Bibliotecaria de Auschwitz.

Unha obra que relata o horror vivido nun campo de concentración non pode deixar indiferente a ninguén. A primeira palabra que se mencionou na reunión é "tristura" pola situación na que vivían os internos de Auschwitz, por deixar que semellante xenocidio tivera lugar, e por permitir  que na actualidade se repitan episodios parecidos. 

O tema que trata esta novela xa está contado noutras moitas obras, pero cunha diferenza fundamental. A historia da escola creada por Fredy Hirsch dálle un enfoque distinto. Nese espanto de sitio podía un escapar da realidade grazas á biblioteca que Dita coidaba. É certo que o campo familiar só tiña como fin último ser o instrumento de propaganda nazi de cara á inspección da Cruz Vermella. Pero polo menos os membros dese campo tiñan durante unhas horas  a sensación de "vida normal", se se lle pode chamar así. 

Non hai que esquecer que esta obra está inspirada por Dita, personaxe real á que o autor entrevistou. Se emotiva é a historia da súa biblioteca, máis o é o epílogo onde o autor relata o seu encontro coa verdadeira Dita. Son moitos os personaxes reais que aparecen no libro. Algún deles, por exemplo o doutor Mengele, causan verdadeiro arrepío, especialmente cando un sabe que escapou do merecido castigo ao final da guerra.

La Bibliotecaria de Auschwitz non é unha obra fácil de ler, pola dureza da historia que relata. E aínda que son moitas as historias escritas sobre os campos de concentración nazis, está ben que se sigan a escribir. A historia é unha fonte de aprendizaxe, aínda que o ser humano é especialista en repetir os seus erros. 



Foto da nosa reunión