Buscar este blog

miércoles, 11 de junio de 2014

POSTA EN COMÚN DE O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIANOITE

O último libro que lemos no club este curso foi O CURIOSO INCIDENTE DO CAN A MEDIANOITE, de Mark Haddon. O día 10 de xuño fixemos a reunión na biblioteca para comentar esta obra. 

Todos estiveron de acordo en que resultou unha lectura diferente, xa que o protagonista da historia conta a súa vida desde o seu propio punto de vista, que é o dun adolescente de 15 anos que padece autismo. Nunca se menciona no libro esta enfermidade, pero está claro que o seu trastorno está dentro do espectro do autismo. Que difícil debe ser para Christopher entender os convencionalismos do noso mundo, a realidade que o rodea, a incomprensión dalgunhas persoas cara a el. E que difícil debe resultar tamén para a súa familia convivir con el, ou para o resto da xente entender a súa conduta. 

O libro é sobre todo moi educativo. Moitos de nós convivimos, ou o faremos no futuro, con persoas como Christopher; isto pode pasarnos dentro ou fóra do mundo educativo que compartimos os alumnos e os profesores participantes no club de lectura. Esta obra invita a reflexionar sobre as diferenzas que ás veces non aceptamos, non entendemos ou simplemente rexeitamos.